Sés

Biografía de Sés

Formada na música e no baile tradicional, María Xosé Silvar é profesora e licenciada en Filoloxía Galega e Antropoloxía Social. En 2007 crea xunto a tres amigos Chámalle Xis!, un dos grupos revelación daquel ano e un dos gañadores do concurso ACoruña Son, apadriñado por Santiago Auserón. Logo de colaborar con grupos coma Zënzar ou Xabier Díaz, en 2010 María Xosé Silvar ficha pola produtora carralesa Airapro, que fai de Sés un dos seus proxectos insignia e coa que publica en 2011 ‘Admirando a condición’, o primeiro disco de Sés (o nome «caseiro» de María Xosé Silvar), un proxecto 100% en galego e 100% en feminino.

Despois de case tres anos e 100 concertos de Sés por toda Galicia e parte do estranxeiro -a maioría deles, no formato acústico-, a carismática María Xosé Silvar xa é unha figura consolidada e todo un referente de creatividade e independencia artística na música galega.

Na formación completa, Sés é unha banda de dez músicos de corte americano, con coristas e metais incluídos: ademais de María Xosé Silvar, compositora e vocalista de todas as cancións, completan a formación Aixa Romay, Lucía Souto, Carla Álvarez (coros), Tito José Calviño (guitarra), (baixo), Miguel Queixas (batería), Cristian Leggiero (piano), Jose Rodriguez (saxo), Moncho Ces (trompeta) e David Paz, que ademais de tocar o saxofón é o produtor musical e arranxista do disco.

Sés tamén actúa nun formato acústico, no que María Xosé Silvar só está acompañada do guitarrista Tito José Calviño. Unha proposta cercana e enérxica coa que adoitan actuar en bares, auditorios, institutos e universidades, congresos, etc.

Fonte: mariaxosesilvar.com

Fuente: marcoos44 a través de Musica.com

Imprimir Biografía

Compartir esta página en...